Aínda nos nosos días é habitual atopar grandes árbores ao pé de igrexas e ermidas, a presenza destas árbores-templo sinala antigos lugares sacros. Na antigüidade, a árbore foi centro de reunión, acollía á tribo á vez que era o seu líder espiritual. Coa chegada da nova relixión cristiá a árbore sacra convértese nun ídolo pagán ao que a igrexa opta por asimilar para facilitar a conversión das tribos animistas.
A imaxe móstranos unha árbore espida, no inverno, na época de curta, coas feridas do machado e a serra ao seu pé, representado o instante antes de caer abatido. A peza está concibida como unha matriz xilográfica, articulada en tres partes a modo de retablo para aludir ao seu carácter sacro.
Abrir a peza e vela representada é como abrir un libro para ler a imaxe, para recoñecer neste caso a unha vítima inocente, como un Varón de dores da tradición medieval que neste caso xa non é Cristo senón un carballo acompañado co seu particular arma christi ou instrumentos de paixón, o machado e a serra.