Antes de ser escultura, a barca de pedra xa existía nos relatos de pedras flotantes, narracións comúns en Irlanda, Illas Británicas, Bretaña e Galicia, lendas que narran viaxes e chegadas de deidades en barcos de pedra, a máis coñecida a de Santiago Apóstolo e a súa chegada a Padrón, pero tamén San Andrés de Teixido, Santa Comba de Cobas, San Juan da Misarela, A virxe da barca de Muxía, San Declan de Ardmore, San Brandán …
O poético e incongruente ao pensarmos na idea dunha pedra que navega magnifícase ao ser levado ao terreo da escultura. Esta disciplina mellor ca ningún outro medio ten a virtude de permitir testemuñar, o obxecto escultórico oponse ao virtual, comparte o noso espazo físico, está ao noso alcance, permítenos tocar para crer que o granito pesa e frota…
A barca foi botada o día 16 de abril no lavadoiro do pobo de Mallas en Fisterra e, para asombro de incrédulos, flotou.