O modelo é claro, rapidamente recoñecible, o brazo dun Cristo barroco. Xace no chan, nun espazo baldío, a imaxe proxecta certa decadencia. Aínda que é un fragmento, non se trata dunha rotura tráxica, é simplemente un elemento desensamblado dunha unidade.
A súa imaxe xera estraneza, preguntas. Onde está o resto do corpo? En que lugar de culto estivo? Por que está así? Isto é o que acontece cando unha obra asociada a un significado e espazo é mudada de escenario. O seu misterio segue a ser o mesmo pero inevitablemente o seu significado muda.
A imaxe do "brazo esquecido" non é un exercicio de iconoclastia, todo o contrario, gaba unha forma e o oficio que a xera.