O título está tomado dun lema publicitario dunha coñecida multinacional do moble, o lema en si mesmo conleva unha contradición.
O bloque de granito foi arrincado nunha canteira abandonada, a mesma na que supostamente o Mestre Mateo arrincou entre os anos 1168 e 1188 a pedra para labrar o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.
Decidín esculpir a cabeza empregando unicamente ferramentas manuais. Esta actitude na realización da obra foi ao meu entender vital para experimentar o abismo inmenso que existe entre "facer un mesmo" un obxecto artístico e mercar un obxecto de produción industrial masiva.
A obra no seu conxunto é como unha emulsión de auga e aceite, un contraste brutal de actitudes onde non queda claro que lugar ocupa ou debería ocupar cada elemento. A obra ironiza sobre o sentido da arte e a súa utilidade.