A simple vista a serra parece unha ferramenta sinxela, pero a súa tecnoloxía é moi complexa, precisa de parámetros moi axustados para acadar a máxima eficacia, o tipo de aceiro, a forma e o ángulo do dente, lizado, e todo adaptado ao tipo de corte que se precise, ao longo da febra, de través, en madeira verde, seca, grosa, fina, dura ou branda. Acadar a total eficacia do instrumento non foi doado. Sen dúbida como en todas as mellores ferramentas a súa mellora e perfeccionamento consistiu en miles de aportacións anónimas.
Unha ferramenta de transformación da madeira tan fundamental para a humanidade chegou a xerar historias evocadoras e máxicas que contribúen dun xeito poético a tratar de explicar a súa invención.
Conta unha lenda vasca, recollida por Barandiarán na rexión de Oyarzun, que o segredo da serra estaba nunha folla de castiñeiro. Os Basajaum, seres antropomórficos dotados de gran forza e coñecementos, eran os señores das fragas. Martintxiki, heróe civilizador da mitoloxía vasca, coa súa astucia foi facéndose cos saberes dos Basajaum, entre eles o da serra:
O Basajaum fabricaba a serra, pero non Martintxiki que carecía dun modelo para ela. Desexando este coñecer o segredo, enviou ao seu criado para anunciarlle ao Basajaum que Martintxiki fixera unha serra. Ó escoitar isto, o Basajaum preguntoulle: "É que o teu mestre viu a folla do castiñeiro?" "Non a viu, pero ha de vela", respondeu o criado, que despois lle transmitiu a Martintxiki o acontecido. Dese xeito a técnica de facer a serra espallouse por todo o mundo. O Basajaum entrou pola noite na forxa de Martintxiki para comprobar se este fixera algunha serra. Cando a viu, torceulle os dentes alternativamente coa intención de inutilizala, pero en realidade mellorouna, xa que deste xeito, lizada, a folla da serra podía moverse folgadamente na entalla do corte. Sen sabelo, o Basajaum inventou tamén o lizado das serras.