A obra toma como punto de partida a tradición barroca das figuras relicario, o corpo como "contedor". A maioría das tallas antigas estaban ocas, xeralmente por cuestións técnicas, reducir o peso, evitar fendas da madeira, aforrar material, etc. Este feito facilitaba que se puidesen empregar como relicarios ou de xeito máis poético como contedores para toda sorte de mensaxes. Innumerables tallas do pasado conteñen no seu interior oco mensaxes ou documentos que xeralmente os seus autores depositaban dentro da obra durante o proceso de elaboración.
Esta realidade é a que inspira "I hold a secret", a cabeza como contedor, neste caso dun segredo. O personaxe anónimo amósase como un profeta que garda no seu interior oco unha mensaxe. Todos os orificios que conducen ao interior da cabeza están perforados, ollos, boca, fosas nasais, ouidos. Isto facilita a entrada de luz á vez que a boca entreaberta deixa ver o documento depositado polo autor dentro da cabeza.
Unha cabeza "contedor" dun segredo a voces, pero imposible de extraer sen romper ou cortar a talla.