Tanto se evoca o descanso ou a morte, nunca hai artificio na figura esculpida que xace, é por iso que poucas esculturas figurativas funcionan tan ben como as que representan figuras xacentes. A escultura préstase como ningún outro medio para representar a quietude. Poida que sexa o medio máis axeitado para representar a morte, alomenos foino para moitas culturas do pasado que outorgaron á escultura a virtude de manter vivo o morto.
Nesta pequena obra retomo o tema do sartego do medievo, a escultura capaz de manter, de gardar algo no seu interior, como un contedor de vida e morte. Neste caso a sorpresa está na adaptación ao seu modelo, o sartego convértese nesta obra nunha diminuta cápsula pétrea na que conter unha icona universal de plástico.
O tamaño e a forma impostas pola boneca representada non converten o sartego nun xoguete. A pedra coa que está feita tamén nos remite á súa orixe. Esta obra só podía ser feita en granito e a súa escolla para este proxecto foi fundamental, o seu grao é finísimo para poder retratar coa maior precisión posible a reducida escala da boneca.